Indagacións sobre a cidadanía (V): cidadanía, xénero e feminismo.

Posted on Abril 8, 2011

1



Penso que esta retalla de artigos ficaría inconclusa sen analizar un dos soportes culturais máis enraizados no sistema de dominación das nosas sociedades, o patriarcado, sistema que atinxe ao conxunto da cidadanía; pois o machismo instaurado na cidadanía fai desta cuestión algo de responsabilidade tanto de mulleres coma de homes, e a súa resposta, como fenómeno de superación deste sistema, o feminismo, algo que atinxe a todas e todos.

Introducir nos discursos a perspectiva de xénero non só completa a visión do conxunto da cidadanía senón que a dota dun significado de valores realmente emancipadores e realistas, pois permiten ollar a cuestión da cidadanía alén de postulados históricos máis comúns e introduce un dinamismo enraizado coa realidade social que moi pouco temos asimilados como cidadás e cidadáns, refírome por exemplo á realidade de interdependencia das persoas e a importancia dos coidados como eixo da cidadanía.

O debate sobre cal é o camiño que se debe tomar, a resumidas contas a cuestión da igualdade ou da diferenza, de suma importancia na historia do feminismo, semella que está aberto. Se o feminismo da igualdade sustentou os piares do feminismo histórico ocidental desde a Ilustración para contrapoñerse ao principio tradicional da inferioridade natural feminina, xa que na Revolución Francesa impulsouse o principio da igualdade mais excluíuse explicitamente ás mulleres, sendo por tanto o feminismo do século XIX o que se artellou sobre a reclamación dos dereitos políticos. Máis tarde, cando se desenvolveu a cidadanía social baseada nos dereitos derivados do emprego do varón sustentador do fogar, o feminismo da igualdade reivindicou a participación en igualdade de condicións no espazo público e, en particular, no emprego.

Mais este enfoque recibiu varias críticas, como que non considera a identidade de xénero como un constructo social e histórico que intervén nas prácticas concretas e afecta o significado dos dereitos e responsabilidades cívicas, e por tanto, os avances na equidade de xénero son forzosamente limitados e reversíbeis. Pois aínda que se avanzou na redución das desigualdades no emprego e no fogar, hoxe en día faise evidente que sen unha transformación profunda dos valores e normas non se poderá avanzar máis cara a unha maior igualdade de xénero.

E nese sentido tamén avanzan as críticas ao feminismo da diferenza, sobre todo no senso do perigo de fragmentar grupos e subgrupos a partir das súas diferenzas, o que impediría amplas solidariedades, así como ao contemplar a cidadanía a través da pertenza identitaria do individuo a un grupo ignora a multiplicidade de pertenzas ao tempo que reifica a identidade do grupo.

Eis por tanto, que a miña apenas intuición neste tema, penso que tanto o feminismo da igualdade como o da diferenza aportan moitas cousas positivas a unha reflexión dunha cidadanía máis consciente das súas relacións de estrutura e construción social, mais unha resposta total ao patriarcado debería ir na liña dun feminismo inclusivo da cidadanía no seu conxunto (ou unha cidadanía inclusiva de xénero), que emanando das súas próprias reflexións (que é a onde eu me aproximei ultimamente) fale da necesidade de implicar aos varóns na creacións dunha realidade social, política e económica centrada en valores que dela se desprenden, e concretamente no relativo aos coidados e aos micromachismos; uns que hai que incluílos como parte constitutiva de momentos da cidadanía social e política e outros que hai que desterralos nun proceso de recoñecemento e profundización no seu enraizado cultural, social, político e económico, desde os afectos até a macroestrutura social.

Unha cidadanía despreocupada pola cuestión do xénero, da utilización da imaxe pública das mulleres nos medios de comunicación, sen indignarse ante o rol que o sistema patriarcal determina ás mulleres, sen indignarse ante a presión que o sistema patriarcal determina aos varóns como dominantes no asunto público e privado, sen ocuparse politicamente da supremacía da lei civil ante a lei familie, sen denunciar os escasos datos de violencia e desigualdade de xénero, sen preocuparse pola integración dos xéneros en esferas tradicionais dun sexo determinado etc…, segue a ser unha cidadanía sen consciencia suficiente para tomar unha vontade emancipadora, e máis no contexto do capitalismo actual.

Posted in: Uncategorized