1891 mirando ao ceo

Posted on Abril 28, 2011

1



O ceo exténdese único, enorme, como un manto inconmensurábel sobre toda a terra, sobre toda a terra que atisban os ollos, as montañas do horizonte, que se mesturan cos contorneantes límites dun universo infinitamente tenro. Nun descampado, alí en terras de Lalín, un neno está tumbado boca arriba observando un misterio inalcanzábel para os seus trece anos. E aínda que tivera centos deles, seguiria sendo inalcanzábel.

A fascinación que vive Ramoncín cando mira ao ceo, pola súa pel percorre un calafrío acentuado pola friaxe da noite, devece por poder choupar unha estrela fugaz, os seus apelidos, repletos de “eles” semellan pretender alcanzar ese ceo tan ansiado, Aller Ulloa. Ese ceo tan ansiado.

Como consagrar a vida ao ceo das estrelas non está moi ben visto, ou polo menos non está moi recoñecido, Ramón vaise a esmerar en ir recobeco a recobeco, estrela tras estrela, buscando o rostro de Deus, así conságrase a Deus para buscar o ceo, ou ao ceo de Deus, a el sempre lle dixeron que esa era a forma de alcanzar a salvación, e vai, si, vai buscar o ceo con ollos ben abertos, alerta sempre por se Deus amosa o seu rostro tras dalgún astro para votar unha ollada cara ao mundo.

Nesta tarde morna, na que os pais de Ramón foron pasar dous días a Tui, el aproveitou a flexibilidade que outorga na vixianza a vellez da súa avoa, para liscar pola xanela e poder desfrutar dun espectáculo tan fabuloso como é o universo, as lexendarias constelacións nas que están descriptas historias de amor e desamor, paisaxes lonxanas no tempo que xamais existiron… e que fermoso é que Ramón Aller Ulloa este aí tumbado, acostado, abraiado, abraiándose a cada momento, en cada punto onde descansa a súa mirada, alí en Orión, na Osa Maior, no Cabalo Sacro…

Posted in: Uncategorized