Anécdota de viño e campaña eleitoral

Posted on Maio 11, 2011

0



Nestes tempos que corren de campaña eleitoral as cousas que pasan sonche ben curiosas, o outro día fun co meu bo amigo Alberto a picar algo a unha taberna pra min descoñecida na parroquia de Lubre, lugar que xa estamos tardando en volver… Aí nunha mesa ao carón de nós, dez persoas estaban a falar viño en alto, das súas teimas, mesturando cánticos de todo tipo con saídas de voz broncas e con sons de reproche ás veces, entre eles todos falaban en galego, como para non escoitalos!… De súpeto unha muller comezou a falar con eles, o viño semellou ser paliado pola súa presenza e o idioma tamén, era a candidata do PP mesturándose “campechanamente con eles”. Ao cabo dun tempo ela marchou e inmediatamente dúas persoas moito máis novas, un rapaz e unha rapaza, viñeron onda nós a traernos uns trípticos da candidatura do PP, uns bolígrafos e uns chisqueiros aos que educadamente renunciamos.

Despois ao rematar a nosa primeira xarriña de viño, achegueime á barra para volver a enchela, cando saín, atopeime na porta co mociño que presumo das novas xeracións. Non nos dimos posto dacordo de por onde debería pasar cada un e tivemos ese momento de indecisión que algunha vez vos terá pasado de non saber por que lado rodear a unha persoa que ven sen sentido e direción contraria para pasar polo mesmo sitio que un. Así foi cousa de dous segundos que cando nos traspasamos, sen saber moi ben por que, chameino, fixen ese pouco elegante ruido de chis chis eh!!, ao que desde fora o meu amigo logo contoume que todo o grupo do PP (sete oito seres humáns) que estaba alí xirouse escandalizado. Meu amigo Alberto, confesoume que tamén, crendo que ía comezar unha disputa dialéctica ou algo peor. Pola cabeza só me pasou unha brincadeira, díxenlle amigablemente algo así coma que joer, como se notaba que non tiña as cousas claras porque eu tentara deixarlle pasar pola dereita e el empecinado quixo pasar pola miña esquerda o cal levoume a min a pasar pola dereita, e que iso non tiña sentido ningún, a xente comezou a escacharse de risa, o mociño e os de fora; o meu amigo, sentiuse aliviado… Despois disto a alcaldable veu a ter unha amizosa conversa con nós, sobre algo que non entedíamos pois debeu pensar que éramos da parroquia de Lubre, concello de Bergondo, e falounos de persoas doutras candidaturas sen nós saber a quen nin a que se refería, sorrimos sen darlle cova para que marchara canto antes, e así o fixo.

Nada disto ten sentido; nin que haxa esa tensión estúpida entre vermes que saen da súa hibernación política 20 días cada 4 anos co común dos mortais, nin que se actualice de forma tan burda o libro dos caciques de cousas da vida do Castelao escenificado polo uso do idioma, nin sequera ten sentido a miña brincadeira pois ao irmos en doble direción dúas persoas esquerda e dereita dependen do emisor e non do receptor xa que este ten a referecia ao revés, ao fin e ao cabo rematei impoñendo a miña percepción e con ledicia foi asumida, pois o cliente sempre ten a razón e como xa dixen, nestes tempos o emprego máis antigo do mundo funciona a “tuti macchina”.

Posted in: Uncategorized