1902

Posted on Maio 18, 2011

0



Viveiro a comezos do século XIX

A véspera de reis, nace Ana María Gómez González, na casa, e nas casas, chamáronlle Maruxa ou Maruja. A súa nai Mª Pilar era natural destas terras, coñecera había xa máis dun lustro a un repoludo aduaneiro, de nome Justo, tiña un acento madrileño moi marcado. Dicíanlle de brincadeira: “Justo egque…”, mais era un home moi sensíbel que fixo ser benquerido polas xentes de Pilar. Uns anos despois, a parella tivo unha conversa ao ver a súa filliña debuxar, ficaron perplexos cando descubriron como eses pequerrechos dediños podían pintar o que a imaxinación dunha meniña creaba, nesa conversa acordaron potenciar esa habilidade de Ana María. Cando xa vivían en Avilés, ela tiña once aniños, seus pais comezaron a deixar revistas e xornais con ilustracións pola casa, e ela os copiaba de tal maneira que chamaron rápido a un profesor de debuxo para que mirase o que era capaz de facer e lle axudase dalgunha maneira.

As intencións canto máis inxenuas son maiores froitos dan, Pilar e Justo querían que a súa filla se divertise pintando e o fixera ben, tiñan pensado colgar un cadro nalgunha das súas paredes, xamais pensaron, cando a anotaron, con moito esforzo, no Centro de Bellas Artes de la Escuela de San Fernando de Madrid, que sería compañeira de Arte de María Zambrano, de Rafael Alberti, de Ferederico García Lorca, de Salvador Dalí ou de Luís Buñel.

A meniña que acaba de nacer, nunha familia do norte, chora por sentirse desamparada. Pilar e Justo non dubidan nin un instante en ir a abrazala forte para consolala, tal vez, seguro, esas apertas agarimosas, foron o inestimábel alicerce da capacidade de fitar segura os debuxos do seu maxín e traducilos ao papel, con aquel rústico lapis de carpinteiro.

Posted in: Uncategorized