O internacionalismo desde o poder civil da esquerda social

Posted on Xuño 28, 2011

0



Moitas son as reflexións feitas sobre a interrelación entre o local e o mundial e a imposibilidade de dar respostas de forma desconexa entre unha e outra esfera da estrutura socioeconómica.

Neste campo da solidariedade internacionalista novamente o enquilosamento das forzas típicas políticas é evidente en temas tan cruciais para a compresión planetaria como o conflicto palestiniano, a causa Palestina trascende con moito un conflito meramente territorial, será e é unha cuestión transversal da compresión do mundo e a forma de plasmar o ideal de relacións entre nacións, pobos e estados que se pretende na construción do internacionalismo.

O dereito de soberanía, a relación do imperio coas colonias socio-políticas (alén do territorio, a cultura, a diversidade, etc…), os dereitos humanos máis básicos, os dereitos de cidadanía universais, o dereito político, o dereito privado, etc…, son cuestións que aparecen neste conflito de forma evidente.

As forzas políticas, a comunidade internacional a través da expresión de acións políticas dos ministerios de exteriores e dos conglomerados internacionais como o parlamento europeu ou da ONU dan mostra dunha hipocresía con moi poucos precedentes na historia; condenas en papel mollado das políticas israelitas sobre o territorio Palestino e pronuciamentos sumamente vagos e flexíbeis que nada ten que ver co apoio económico e militar que se lle dá ao Estado de Israel; ante esta insultante situación, a poboación civil novamente tomou a dianteira e petou nos fouciños da hipocresía cunha ación de inmensa honestidade política, que non é outra que ante o poderío militar dun Estado xenocida poñerse en pé e con métodos non violentos facer prevalecer o valor da solidariedade, un xesto dunha altura humana impresionante.
Mais, tras ter tido a experiencia do asasinato de poboación civil, de compañeiros e compañeiras que ían no flotilla da liberdade do ano 2010, novamente e coa forza exponencial dunha onda, milleiros de cidadáns e cidadás de todo o planeta volven ao mar a combater pacificamente un bloqueo que ten á poboación palestiniana nunhas condicións infrahumanas.

A flotilla da liberdade do 2011 é a expresión máxima do internacionalismo de esquerdas, da solidariedade da poboación civil e do poder que esta é capaz de construír; non sabemos ben o resultado desta nova flotilla que a día de hoxe está polas augas mediterráneas, mais o que é seguro é que unha e outra vez chocará coa forza da razón contra os muros insensíbeis dun imperio desgarradoramente inhumano e rematarán hoxe ou mañá derrubándoo.

É motivo de entusiasmo saber que nesta ación hai un amigo, compañeiro, irmán Tone, militante de base do movemento social galego, activista incansábel de utopías que con admirábel compromiso sempre está escorando o navío da sociedade galega cara unha esquerda entrañábel, anticapitalista, socialista, ecoloxista, feminista…, acredor dun mundo máis humano no que caiban todos os mundos, mundos dos que se preocupa saber e coñecer en primeira persoa e que logo transmite desa forma tan amigábel.

Por estes motivos e moitos máis, a II Flotilla da Liberdade Rumbo a Gaza esta semana ten que estar na axenda de todas as persoas de ben, porque nela os valores que se xogan son moito máis que un simples bloqueo marítimo a unha rexión do mundo, sexa o resultado que sexa, pois as verdadeiras convicións van moito máis alá das vitorias ou derrotas ocasionais.

Nesta flotilla están os verdadeiros facedores da historia, non alí fisicamente, que tamén, senón no sentir maioritario da humanidade por un mundo que non é propiedade nin dos governos dos estados nin dos monopolios económicos, nesta flotilla vai embarcada a marcha da historia dos milleiros, millóns de humildes seres humanos que dixeron basta e comezaron a vogar sobre o Mediterráneo e o seu ronsel de xigantes non terá fin, e máis cedo que tarde conseguirán unha Palestina máis libre e unha bandeira de esperanza para a humanidade.

Posted in: Uncategorized