Valores dun novo referente político para a esquerda galega

Posted on Xullo 8, 2011

0



Nunha breve reflexión como son estas as que elaboro no meu blogue é moi pretencioso abordar o tema que me propoño, mais tentarei dar unhas pequenas pinceladas que poidan dar novas releituras aos procesos que se están a dar no país e concretamente no mundo político.

Hoxendía podemos falar sen que sexa entendido como agravio, dunha orfandade política de toda a esquerda, tamén dos partícipes de estruturas partidarias de toda índole nacionalista, e esta orfandade non é tanto produto dos principios inspiradores políticos como da forma de facer, dicía Simón Bolívar “a mellor política é a honradez”; a política está orfa non de principios políticos como poderían ser a participación, o asemblearismo, o ecosocialismo, o feminismo, etc… que tamén, mais a doenza semella ser síntoma dun baleiramento de valores que enchoupen a ación política no senso máis estricto, estes valores poderían ser:

1. Utópico e terreal. Non debe deixar de aspirar ás máis altas cotas éticas, debe aspirar a todo e para tod@s sen por iso estar cos pés no chan, sabedor de que o camiño é o importante para conseguilas e mesmo a forma de facelas máis cercanas, “sen pisotear as flores de Berlín” como diría Rosa Luxemburgo. Os valores utópicos, os soños vencellándoos ao cotiá, ao día a día. Mimando os tempos, facendo unha revolución permanente e creativa, respeitando os ritmos.

2. Insuficiencia, alteridade e humildade. Co diálogo continuo, coa vocación de atoparse coa outra parte, coa outra persoa, coa diferenza, sabedor de que non posúe verdades absolutas e non aspira a solucionar todo. Necesitador da complementariedade de diversas frontes, formas e métodos.

3. Altermundista (ecosocialista e feminista) como forma de estar no mundo, co internacionalismo impregnando cada poro da súa ación, coñecedor do planeta dos seus límites e consciente da máis antiga das formas de dominación, o sistema patriarcal.

4. Republicano e constructivo. Poñendo ao cidadán e cidadá no núcleo da súa ación política, encamiñando vieiros para a súa realización máis plena. Delimitando as acións socioeconómicas á primacía do político e construíndo liberdade desde o máis básico, as condicións materiais da existencia.

5. Discursivo-encarnado. Consciente de que debe contrarrestar un discurso capitalista que leva séculos introducíndose no microrrelato común das relacións humanas, saber respostar e facelo de forma evidente, con exemplos, con prácticas cotiás e con argumentacións de peso.

6. Entrega e doazón. Conquistar o poder para obedecer, non aspirar a ningún privilexio e soportar as derrotas con enteireza, entregarse á construción coletiva e non ser un fin en si mesmo, senón unha simple ferramenta viva, dinámica.

7. Transparencia. Interna e externa, con métodos participativos e que permita a súa inspeción regulada ou non pola sociedade civil, tanto de contas como de métodos.

Posted in: Uncategorized