Relendo a Gramsci (III) Contra o conformismo. Traballo inteletual e filosofía da práctica.

Posted on Agosto 24, 2011

1



Unha das cousas que nas diversas leituras e indagacións sobre o pensamento de Gramsci sempre me fascinaron é o seu continuo ánimo e pulo co que axita inteletualmente para tomar posicionamentos arriscados que axuden a comprender as causas do sosego e adormecemento da sociedade civil e que esta sexa protagonista na conquista de novos escenários que trasladen ao presente a sociedade que se anhela.

Por iso, unha das cousas que sempre me veñen á memoria é a cita atribuída do pesimismo da razón e do optimismo da vontade, que evidencia a súa superación de todo proceso de idealización de principios políticos, da ortodoxia, e proxecta a necesidade da práctica no escenàrio político, eis tras 75 anos da súa morte, para min, un dos grandes inteletuais máis vixentes da esquerda social e máis necesarios na esquerda política. E tamén entrelazado con isto venme á memoria a idea de estar contra o conformismo, que recollo neste parágrafo:
“Tendencia ao conformismo no mundo contemporáneo, máis ampla e máis profunda que no pasado: a estandarización do modo de pensar e de obrar toma extensión nacional ou até continental” (…) “Sobre o conformismo social hai que observar, ademais, que a cuestión non é nova, e que a alarma lanzada por certos inteletuais é pura e simplemente grotesca. O conformismo existiu sempre: o que acontece é que hoxe trátase dunha loita entre dous conformismos, dunha loita pola hexemonía, dunha crise da sociedade civil. Os vellos dirixentes intelectuais e morais da sociedade senten que perden terreo baixo os pes, danse conta de que os seus sermóns estanse reducindo precisamente a sermóns, a cousas alleas á realidade, a pura forma sen contido, a larva sen espírito; a iso débense a súa desesperación e as súas tendencias reaccionarias e conservadoras”.

É fascinante que isto estivera escrito nos anos 30, xusto nese ano de frenetismo económico, social e político na Italia, no continente e, en xeral, en todo occidente; é por isto, que salvando as distancias, este texto ten tanta actualidade, xa que se ben, os contextos históricos nunca son iguais, si podemos tirar ensinanzas de períodos semellantes na historia. O paralelismo que máis me chama a atención é que sendo un contexto de crise económica sen precedentes, semella que hai un proceso de conformismo na esquerda, e concretamente nos seus intelectuais, salvando excepcións, claro está, semella que Gramsci ao referirse aos intelectuais que repiten fórmulas coma nunha homilía (sermóns), frústranse por estar alleos á realidade e que a súa mensaxe non cale. Sen decatarse que o que realmente acontece é unha crise na sociedade civil; verdadeiramente semella unha radiografía actual da situación dos partidos políticos de esquerdas, do noso país, do reino de España a excepción de Bildu, que si está enraizado no programa político da sociedade civil basca, o resto, nada de nada. Mais esta cuestión xa toca o tema da hexemonía que deixaremos para outra achega.

É no traballo inteletual onde fai unha especial atención, distingue que tradicionalmente hai dous procesos de formación dos intelectuais, unha que indica que todo grupo social vencellado cunhas funcións determinadas no mundo da produción vai creando un grupo de seu intelectual, e a outra que di que todo grupo social esencial ao xurdir na historia a partir da estrutura anterior e como expresión dun desenvolvemento desta atopa categorías intelectuais preexistentes e que ata parecían representar unha continuidade histórica ininterrompida, a pesar dos cambios máis complicados e radicais das formas sociais e políticas. Ante estes dous procesos de formación Gramsci non se decanta especificamente por un só, senón que os matiza e resume que o segundo proceso é tal vez o que está máis vencellado a unha filosofía idealista da historia, mais o importante do pensamento gramsciano ven de seguido cando afirma:

“todas as persoas son inteletuais, pero non todas teñen na sociedade a función de inteletuais” e pon este exemplo: “do mesmo modo, non se dirá que todos son cociñeiros e xastres polo feito de que cada cal pode fritirse un ovo ou coserse un desgarrón da chaqueta”. Isto quere dicir, que aínda que se poida falar de inteletuais, non se pode falar de non-inteletuais, novamente sitúa Gramsci a enorme necesidade de estar en continua sintonía coa sociedade civil, cos e coas cidadás do común, pois aínda que non especificamente teñan unha función social determinada na elaboración inteletual forman parte do compoñente intelectual conxuntural.” Non se pode separar ao homo faber do homo sapiens”. En todo isto cobra especial importancia a formación dos intelectuais a través do sistema educativo, desde as escolas, o proceso de especificación á vez que o de standarización en canto a súa calificación individual e a súa psicoloxía mais sendo esta standarización fortemente infértil ao non se lle atribuír ningunha función social específica e determinando na sociedade actual (burguesa diría Gramsci, postmoderna diría eu) a inteletuais improdutivos aos individuos.

Como dicía, todo isto para Gramsci ten unha preocupación concreta que é sobre o inmenso campo que para el abrangue a cultura, pois determina que as cuestións de debate e “discusión social non se da entre intelectuais, senón que hai que crear previamente un terreno cultural común, unha linguaxe común, modos comúns de razoar entre persoas que non son intelectuais profesionais (…)necesarias para relacionar rapidamente conceitos, aparentemente disparatados, ou á inversa, para analizar rapidamente, descompoñer, intuír, descubrir diferenzas esenciais entre conceitos aparentemente análogos.” Nisto, o papel da escola e de todo o sistema educativo formal e informal da sociedade capitalista teñen moito avanzado e cada vez máis, introdúcese no debate común da sociedade civil, da esquerda social e política do noso país; o mundo cultural, informativo e comunicativo está distanciando (na medida que está máis controlado polos poderes capitalistas) o posicionamento da esquerda nacional galega da sociedade, así como os debates da mesma esquerda nacional nas súas diferenzas.

Eis agora que podemos comprender máis nitidamente o significado que para o pensamento gramsciano ten a filosofía da práctica, alicerzada no seu admirado Antonio Labriola, e da que vou citar só este texto para achegarnos, en forma de epílogo, a ela: “Por que tivo tan escasa fortuna Labriola e o seu plantexamento do problema filosófico? Pode dicirse a este respeito o que Rosa dixo acerca da economía crítica e dos seus problemas superiores: no período romántico da loita, do Sturm und Drang popular, todo interese oriéntase cara as armas máis inmediatas, cara aos problemas de tática na política e cara aos problemas culturais menores do campo filosófico. Pero a partir do momento en que un grupo subalterno faise realmente autónomo e hexemónico, suscitando un novo tipo de Estado, nace concretamente a esixencia de elaborar os conceptos máis universais, as armas ideolóxicas máis finas e decisivas. Por iso cómpre volver a por en circulación o pensamento de A. Labriola, e facer que predomine o seu plantexamento do problema filosófico. Así pode enunciarse a loita pola cultura superior autónoma; a parte positiva da loita que negativa e polemicamente maniféstase coas a-privativas e cos anti-. Dase unha forma moderna e actual ao humanismo laico tradicional que debe ser a base ética do novo tipo de Estado”. Para Gramsci a filosofía da práctica é unha filosofía independente e orixinal e que tivo unha combinación con determinadas tendencias idealistas e materialistas, o cal para os ortodoxos (positivistas e cientificistas) era un contrasentido. A filosofía da práctica tiña dúas tarefas: combater as ideoloxías modernas na súa forma máis refinada e educar ás masas populares. Verdadeiramente, estas dúas tarefas, son de inmensa, apremiante, necesidade. Ou non? En conclusión, que todas e todos, en maior ou menor grao temos un traballo inxente que facer, dentro e fora das estrucutras políticas e sociais, nos procesos de creación de discursos do cotiá e no inmenso campo da vida cultural; hai tempo para o conformismo?

Posted in: Uncategorized