Nestes tempos preasemblearios, nunha asemblea que determinará no BNG o dereito a existir ou a quebra inevitábel das normas de xogo, da convivencia e por tanto do proxecto común; o sector dominante que ten secuestrada á fronte comeza a falar de deslealtade. Deslealtade porque segundo eles din, se unha minoría non gaña e impón as súas teses ameaza con marcharse do BNG.
O Encontro Irmandiño ven dicindo xa desde hai un ano, que esta asemblea nacional ou vale para rexenerarse organicamente e comeza a tender pontes cara a esquerda social do país ou non ten sentido seguir traballando nunha organización política que asfixia as diferenzas e aniquila politicamente calquera tentativa de cambio, e por tanto se afortala como un partido político clásico e harmónico co sistema de dominación actual e segue a deixar orfa á sociedade civil galega.
Mais a pesar disto, a UPG volve novamente a falar de deslealtade, de normas de xogo democráticas, etc…, pois ben, vou tentar explicar, como fixen na asemblea comarcal de Compostela, a tesitura na que estamos cun conto de Eduardo Galeano que viña a dicer algo así:
Estaba unha vez un cociñeiro que rexentaba un restaurante pensando en que pratos podía innovar ou facelos máis atraentes para os clientes. Nisto ocorréuselle que os pratos onde se servían aves eran os máis demandados, así que decidiu xuntar a todas as aves do seu curral, e de forma asemblearia e domocrática, que elas decidiran en que salsa querían ser servidas.
E así fixo, foi ao curral, xuntou aos galos, as galiñas, aos pavos, aos parrulos, aos faisáns, etc…, e díxolles: “decidide nesta asemblea en que salsa queredes ser cociñadas”, os parrulos calaron a boca, as pulardas tamén, e fíxose o silenzo, e todas tiñan dereito a falar e votar libremente…, nisto as galiñas, non podían ser outras, pediron a palabra; ante o estupor de todas as aves, unha das galiñas dixo: “cociñeiro, nós non queremos ser cociñadas”. Todas as aves abriron os ollos ao ver como se enfadaba o cociñeiro, mais este, cun cabreo contido, nun ton incluso vitimista dixo: “iso está fora de toda decisión asemblearia, non está nin na orde do día”.
As galiñas foron desleais, vaia! As galiñas ousaron dicer algo que estaba en contra das normas de xogo, a asemblea era aberta a todas as aves, todas podían falar e votar, como podían as galiñas, estúpidas aves, plantexar semellante deslealtade non só ante o cociñeiro senón ante todas as demais compañeiras de curral? O que facían as galiñas era lamentable, vomitivo, pensaba o cociñeiro. O cociñeiro comezou a facer emendas sobre o funcionamento da asemblea e todas ían na liña de castigar semellante discrepancia pública, semellante deslealdade. E máis, as galiñas dixeron: “ou non nos cociñas ou marcharemos do curral”. Como podían ameazar neses termos? Como podían abandonar ás demais aves? Como podían afundir o primeiro prato estrela, a sopa? E por riba, galiñas de merda, que tentan plantexarlle ao cociñeiro que non as cociñe ou que todas elas, non só as galiñas, senón que as demais aves poidan marchar dese curral.
A cuestión está clara, as normas de xogo non son válidas nos termos expostos nos últimos anos, ao cociñeiro pódelle pasar o mesmo que pasou na guerra civil española, no bando republicano, seica queren facer unha guerra interna cando o fascismo está agredindo a todas as cidadás libres, e queren gañar o bando aínda que así diminúan as súas forzas para gañar a guerra (os que gañaron o bando republicán perderon a guerra). As galiñas do conto, os anarquistas na guerra civil, non son o inimigo, e non o serán aínda que opinen, aínda que queiran existir. E por iso non van calar, porque saben, sabemos que a guerra está fora e non dentro, ser referentes políticos da esquerda social galega é estar en continua permeabilidade coa sociedade, ser dinámicos e atípicos nas institucións.
Aves de todo o país, berremos que non queremos ser cociñadas, e riámonos cando por riba nos chaman desleais, deslealtade para os cociñeiros é espranza para todas!
Maria
Xaneiro 16, 2012
Onde estaba o noso referente Martiño Noriega o día da asemblea comarcal? Dando entrevistas aos mass media? Que pouco respecto á militancia non indo, nin tan sequer, a defender o voto particular do EI. Unha aperta fraternal.
irmandiño
Xaneiro 16, 2012
iste non é o blogue do martiño, curioso que o chames “o noso referente”, pois se eres irmandiña saberás que por petición da organización tiña que estar nun encontro en ourense, e decidimos que alí faría mellor ben que indo á asemblea comarcal. De todos os xeitos tampouco viría a defender o voto particular pois a asemblea de compostela xa decidira quen o faría, e non sería el. Todo isto foi unha decisión coletiva, dígoo por iso do respeito do que falas, en tal caso sería unha decisión errada coletiva, non unha falla de respeito individual. unha aperta irmandiña, raúl asegurado.
Hipolito
Xaneiro 16, 2012
Pois que mal tomades as “decisións colectivas” agardo que nunca teñades responsabilides de importancia no BNG, para que non volvan a pasar estas cousas.
É máis importante compartir cos compañeir@s nas asembleas que coleguear c@s xornalistas. A mellor forma de gañar vontades é co exemplo.
irmandiño
Xaneiro 17, 2012
cocorocócócó cocorocócócó nunca pensei que galeano fose tan profundamente analisado! 🙂
o conto non vale e a falar de persoas… aiii que cansinos!! argumentade hóstia!
Pedro
Xaneiro 17, 2012
vai ser certo que os irmandiños sodes galiñas!! e eu que vos tiña por trolls… lamentable metáfora, así q a asemblea tampouco vale! pois moi ben… pirádevos dunha vez!!
irmandiño
Xaneiro 17, 2012
aínda que a metáfora segue sen ser analizada nin contra-argumentada, que é fácil! se queredes vos dou pistas…, nestes termos de chamarnos galiñas, só cabe dicer, entón non será por falta de ovos! 😉 (unha brincadeira, mais vindo de galiñas agardo non sexa tomada como machista :D)
Lucía
Xaneiro 18, 2012
Moi ben dito, coma sempre.