1880 (a rosalía, in memoriam)

Posted on Febreiro 24, 2012

0



A terra, a historia, a vida, a esperanza…, teñen nome de muller, en cambio, o esquecemento, o desprezo, o silencio…, son imposición do Home. Galiza, a súa terra, a súa vida, a súa espranza, a súa dor e a súa historia, son como ela, un incesante ronsel de muller, por iso, para retroceder ao paso anterior do presente, imos a 1880, onde unha muller, repite contando a súa historia, a súa vida de muller e de galega, rompendo o silencio, renacendo, reafirmando o xerme e a vida, escribe unha “folla nova” para a nova historia.

Dende un recuncho calquera, preto de Compostela, emerxe como da nada a voz dos séculos escuros, iniciando a inconmensurábel tarefa de aprenderlle a falar, de ensinarlle a Galiza a chamar as cousas polo seu nome, e a devolver a esta terra a súa esquecida presenza.

Anos atrás, aló polo 1863 esta rapariga, marcada pola dor, xa entoara a voz cos cantares gallegos que ouvía nas tardes de saudade, e de raiba. Daquela datouse o comezo dun novo tempo. Sen tapuxos, na dedicatoria da obra xa denunciaba como o seu país era manchado con vulgares preocupacións alleas a calquera galega, e os seus versos, moitas veces preferibelmente esquecidos, dicían aferradamente: Probe Galiza; non debes / chamarte nunca española.
Pero agora vai máis ao fondo, con máis madurez, vai á intimidade que soio unha muller pode compartir con outra para dicir esas cousas que se din despois dunha noite enteira pasada á intemperie, na compaña dunha amiga que sufríu máis do mesmo, e que por iso pode comprender.

Posted in: Uncategorized